Os rapaces do 1º nivel interpretan o poema de Rosalía "Como chove miudiño" e os de 5º cantan "No craustro"
Cómo chove miudiño
Misteriosa regadeira
fino orballo no chan pousa
con feitiña curvadeira,
remollando na ribeira
frol por frol, chousa por chousa.
Semellando leve gasa
que sotil o vento move,
en frotantes ondas pasa
refrescando canto abrasa
o que o sol ardente crobe.
Cómo chove miudiño,
cómo miudiño chove;
cómo chove miudiño
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.
¡Qué hinchadiña branca vela
antre os millos corre soa,
misteriosa pura estrela!
Dille o vento en torno dela:
"Palomiña, ¡voa!, ¡voa!"
Triste vai, que á terra toca
xa cos pes de branca neve,
xa ca fina fresca boca;
triste vai, que ós ceos invoca
i a bicar o chan se atreve.
Cómo chove miudiño,
cómo miudiño chove;
cómo chove miudiño
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.
No craustro
Dábanse bicos as pombas,
voaban as anduriñas,
xogaba o vento coas herbas
pobradas de margaridas,
i as lavandeiras cantaban
mentras a fonte corría.
Fóronse indo unha tras doutra,
i alí se quedóu soíña,
ca triste frente incrinada
cabe unha arcada sombrisa...
Estonces, non sei qué sombras,
quizáis de memorias vivas,
quizáis dos frades difuntos,
pasar en procesión mística
veu naquelas soledades
que amaba canto temía.
Tembróu de angustia e de pena,
e con amarga sorrisa,
mirando aos xasmíns sin follas
que iban a brotar axiña,
marmuróu, mentras dos ollos
as bagullas lle caían:
"Todo volve, todo torna,
menos o ben que eu quería;
todo, todo aquí se queda:
eu soia vou de fuxida.
Non hei de vervos máis, frores,
adorno desas cornisas;
nin a oír os teus marmurios,
fonte que a gozar convidas;
nin a contemprarvos, pedras,
testigos da pena miña.
Outros virán profanarvos,
mentras eu morro esquencida."
Sonaron pasos nas bóvedas,
sopróu unha forte brisa,
oiéuse unha carcaxada
cal si do inferno saíra:
era o trasno do convento,
que recordando outros días,
ríaxse das ansias negras
e da orfandá da meniña.
No hay comentarios:
Publicar un comentario