MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS ESCOLARES.
Como xa saberedes, novembro é o mes da ciencia. Este ano, no que todos estamos moi atentos á chegada da vacina da Covid-19, desde a biblioteca do cole animámosvos a coñecer a historia doutra vacina que conseguiu erradicar a varíola, unha enfermidade mortal.
Sabes que a orixe da palabra vacina ten que ver moito coa súa historia?
O cirurxián inglés Edward Jenner vacinou ao fillo do seu xardineiro con mostras de pústula dunha leiteira que se infectou co virus da varíola dunha vaca. Aínda que moi similar á humana, esta variante era moito máis suave. Jenner quixo comprobar con este experimento se era certa a crenza segundo a cal as granxeiras que pasaran as benignas vexigas bovinas quedaban protexidas da maligna. En efecto, o neno quedou inmune. Estaba vacinado!
Agora xa sabedes que o termo vacina proven da palabra latina vacca.
Pero esta historia é aínda máis extraordinaria do que imaxinas.
Un médico español, Francisco Javier Balmis Berenguer realizou a primeira misión humanitaria da historia entre 1803 e 1806 levando a vacina de Jenner ata América e Asia.
Non vos parece sorprendente?
Debedes saber, que como non podía manter axeitadamente a vacina durante a viaxe, decidiu levar 22 nenos e nenas da casa de orfos da Coruña, para ser inoculados sucesivamente no transcurso da navegación.
Hoxe en día non usariamos persoas para tal fin, pero nesa época este feito supuxo un avance médico moi importante e salvoulle a vida a moitísima xente.
Se che interesa a historia deste descubrimento anímate a entrar nos enlaces que seguen a continuación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario